A Asociación de Internautas (AI), Unió de Consumidors de Catalunya, (UCC), Unión de Consumidores da Comunitat Valenciana (UCCV), Unión de Consumidores de Euskadi (UCEs) Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) e a Asociación Pro Derechos Civiles Económicos y Sociales (ADECES) querenmanifestar o seu rexeitamento á nova subida de entre 2 e 5 euros nas súas modalidades de Fusión anunciada por Movistar. Para xustificala impón parte do fútbol nos diferentes paquetes que se comercializan, sen dar a opción ao usuario de que se abone ou non a esta opción. Unha suba que se suma ás levadas a efecto desde maio de 2015 (máis de 14 euros en conxunto).
Deste xeito, todos os usuarios de Movistar Fusión subvencionan unha opción de contidos carente de interese para bastantes abonados a cambio dun incremento de ingresos.
A compañía ten unha complicada papeleta entre mans, será difícil rendibilizar un investimento no que, polo menos nos termos nos que se levou a cabo, nunca debeu embarcarse. Resulta evidente que a compra dos dereitos de retransmisión do fútbol estalle pasando factura porque entre os 2.400 millóns que pagou polas próximas tempadas da Liga, a Champions e a Europa League e os 600 correspondentes ao pago pendente da Liga 2015-2016, a compañía de televisión de pago ingresou 113 millóns menos dos esperados a finais de 2015.
Como se recordará, o Goberno e a Liga decidiron elaborar unha norma para proceder á venda centralizada dos dereitos do fútbol co que se pretendía sanear a situación dos clubes para satisfacer as
súas obrigacións ante a Facenda Pública. Se ten ou non algo que ver a oferta conxunta de A3 Media e Mediapro co papel que desempeña ese grupo de comunicación no plano da política actual é algo que queda á consideración de cada un. Do mesmo xeito que tamén debe quedar a súa consideración se responde ou non a este interese a regulación elaborada á limón pola Liga e o Goberno co seu socio Mediapro.
Tras atender ás recomendacións do supervisor para a comercialización dos restantes partidos da Liga e a Copa do Rei da tempada 2015-2016 (Movistar pagou 600 millóns e Mediapro 636 para a súa distribución no exterior), negociouse a explotación das seguintes tres tempadas. Mediapro, que xa controlaba os dereitos da Champions, fíxose cos dereitos desas tres tempadas por 1.900 millóns pese á denuncia dos usuarios sobre o funcionamento da súa plataforma, Beinsport.
Nun movemento cuxa rendibilidade a priori resulta cuestionable, Movistar pagou a Mediapro 2.400 millóns para facerse coa retransmisión das próximas tres tempadas da Liga, dúas seguintes da Champions e a Europa League, e as principais ligas internacionais.
As cifras son claras, entre 2015 e 2018, Movistar desembolsará un total de 3.000 millóns de euros polos dereitos de emisión do fútbol. Para facer fronte a esa cifra, a compañía xa iniciou unha estratexia para que sexan os seus case 4 millóns de abonados os que asuman o custo de tan arriscada aposta. Esta estratexia non só resultará complexa senón que ademais deberá superar o exame de organizacións e autoridades de consumo en relación coa súa legalidade.
Desde que xurdiu Fusión, os abonados sufriron en maio de 2015 unha suba de 5 euros. En febreiro de 2016, un incremento de 3 euros da cota mensual dos produtos de Fusión e unha subida tamén de 3€ da cota mensual das Liñas Móbiles Adicionais asociables aos empaquetamentos Fusión. En maio de 2016 o paquete series pasou de 5 a 7 euros e o paquete cine de 9 a 10.
A iso hai que engadir outros cambios: o prezo dos SMS, datos en pago por uso ou o contestador.
Para rematar, ás asociacións asinantes non lles resulta comprensible que a CNMC poida validar esta nova suba nun produto cativo como a fibra.